1ª REGATA DE INVERNO DE DORNAS A VELA EN RIBEIRA

A saída tivo lugar na praia de Coroso ás 15:30 da tarde como estaba previsto. A pesar de que o vento non soprara con moita forza, o tempo soleado invitaba a navegar a vela e notábanse moito ganas de velear dos regatistas.
O vento sopraba frouxo aínda que constante do oeste-sudoeste, e o percorrido se estableceu dende a praia de Coroso ata a Illa de Rúa (deixándoa por babor) para volver a praia de Coroso.
No comezo da regata a embarcación que mellor se colocara fora a Flecha, patroneada por Sergio Triñanes, que a pesaren de ter só 16 anos estase a converter nun dos patróns máis hábiles da flota. A esta embarcación seguiuna moi de preto a Adoa patroneada de Jaime García e Luis Astray, e a Ila de Adelino Formoso e Agustín Seráns.
A Ila optou por poñer un rumbo máis a barlovento e deste xeito afastarse da flota que viña atacando pola popa. Nos primeiros momentos da proba foi de destacar a loita entre a Flecha e a Adoa. Está última, con máis velocidade na empopada que a Flecha tratou sen éxito de adiantala por sotavento. Finalmente, non tivo máis remedio que buscar a popa da Flecha para gañar o barlovento e finalmente adiantala aínda que non sen certa dificultade.
Na empopada cara a Illa de Rúa as embarcacións máis veloces foron tomando posicións, e todas elas foron agrupándose na marca. Á Adoa e á Ila seguíronlles a Volandeira de Jose Antonio Álvarez e Victor Rincón, a Papoula de Carlos Otero e Jorge Ramos, e a Visenta de José Antonio Castrelo e Alejandro Rodríguez , todas elas moi agrupadas ó facer o cambio de bordo para rodear a Illa de Rúa.
Cara a terra, e con o vento de proa, tódalas embarcacións ó primeiro optaron por bolinar cara a Palmeira, agás a Ila, que moi combativa buscou o xeito de desmarcarse optando polo outro bordo. Como Adelino ó temón vira que este bordo non fora o máis favorable, virou cara a terra e mantivo o rumbo ata moi preto de Palmeira para tratar de adiantar a Adoa. Esta manobra custoulle a regata, pois o vento por terra se mantivo moi frouxo mentres que máis afastados da costa as embarcacións foron vendo como ía aumentando.
A Flecha, que perdera durante a empopada o bo posto acadado na saída, fixera unhas moi boas cinguidas cara a terra, e acercouse perigosamente ás dornas de cabeza, aínda que non o bastante para acadar os postos perdidos.
A clasificación na chegada foi: 1ª Adoa, 2ª Volandeira, 3ª Papoula, 4ª Ila, 5ª Visenta, 6ª Flecha, 7ª Viquinga, 8ª Fiuza, 9ª Rabuda, 10ª Xarda, 11ª Jolfa.
A saída da próxima regata do campionato de inverno vai ter lugar o próximo sábado día 21 as 1530 na praia de Coroso.
2 comentarios
Nacho -
alejo -